martes, 14 de junio de 2011

Manifesto da Mesa Galega de Educación no Rural

A MESA GALEGA DE EDUCACIÓN NO RURAL en relación á Escola de Lago- CRA de Valdoviño maniféstase, sobre da solicitude asinada polas  familias afectadas e pola veciñanza, coas seguintes consideracións:

-          Dende o punto de vista pedagóxico as escolas unitarias conforman un modelo educativo e organizativo digno de conservar en base ás peculiares posibilidades que ofrecen para o desenvolvemento dos nenos/as e da comunidade.

-          Como elementos dinamizadores do mundo rural teríanse que potenciar ao máximo aínda que isto esixa un esforzo económico. Polo que nunca se debera basear en argumentos economicistas a decisión de suprimilas de inmediato, sen deixar a marxe de tempo duns anos en agarda de recuperación de matrícula, como con frecuencia sucedeu sendo logo que ao pouco de clausurar determinadas escolas houbo aumento de alumnado sen que este feito levara consigo a recuperación das mesmas.

-          Debérase considerar prioritario fomentar o incremento de alumnado mantendo o 1º ciclo de primaria en todas aquelas escolas que pola súa escasa matrícula corren o risco de seren pechadas a curto prazo, máxime cando as familias así o solicitan.

-          A escola de Lago  constitúe un dos máis significativos exemplos de escola de calidade exemplar e así tiña que ser recoñecida  pola Administración Educativa.  A valoración que merece esta singular escola, sumamente recoñecida polas propias familias que defenden a continuidade de primaria, tería que ser o primeiro motivo para aprobar con firmeza este plan.

-          A liña pedagóxica que na actualidade se ofrece nesta escola  de Lago, claramente recoñecida polos meirandes expertos na materia, está chamada en moitos aspectos a converterse nunha referencia de cara a unha necesaria reestructuración enfocada a unha planificación específica e axeitada á realidade rural galega.

-          Tendo en conta as circunstancias desta escola e as súas características esta Mesa defende como solución idónea a continuidade dos alumnos de 1º ciclo de primaria tal como reclaman as e os asinantes que así o solicitan.

-          Polas razóns expostas, dende a Mesa Galega de Educación no Rural, ademais da referida reivindicación reafirmamos as reclamacións sostidas dende hai décadas no referente á urxente necesidade dunha planificación educativa coherente, flexible e responsable coas necesidades dos ámbitos rurais galegos.

En nome da Mesa Galega de Educación no Rural

                                   Asinado:        
Alicia López Pardo
DNI: 34 241 769 J


En Santiago a 27 de maio de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario